A vicepresidenta do Parlamento, Teireixa Paz, leu a declaración acordada entre todos os grupos, mentres na tribuna de invitados seguían a sesión membros do colectivo xitano de Galicia, como Sinaí Jimémez, presidente do Secretariado Xitano.
O escrito, que en ningún momento fai mención ó conflito que nas últimas semanas suscitou o reacollemento de xitanos en diversos municipios, apunta que a exclusión social non só é consecuencia da falta de recursos económicos, senón tamén dunha "acumulación de limitacións ou déficit no campo educativo, sanitario, de vivenda, emprego, educación e participación social, que impiden que persoas ou grupos que a padecen accedan a bens e dereitos considerados básicos". O Parlamento admite que o fenómeno da exclusión afecta a persoas da etnia xitana, entre outros colectivos que "tradicionalmente veñen sendo rexeitados e apartados dos circuítos normalizados da vida da Comunidade". O colectivo xitano "segue sendo un dos máis vulnerables e que sofren maior exclusión social", sinala a declaración unánime, que recorda que en Galicia hai unha relevante comunidade desta etnia en situación de precariedade, e da que un 30 por cento vive en chabolas.
Malia os esforzos, é unha gran traba para a inclusión
"A pesar dos esforzos feitos polas distintas administracións, leu Tereixa Paz, a persistencia do problema da vivenda e da integración social segue constituíndo unha das principais trabas para a inclusión" da sociedade xitana, o que fai necesario que se "siga traballando e tomando as medidas oportunas que aseguren o dereito constitucional universal a gozar dunha vivenda digna". Desde o Parlamento de Galicia "instamos a abordar desde as políticas públicas o desenvolvemento dunha práctica institucional responsable que, desde unha visión integral achegue un enfoque multidisciplinar e multifactorial".
O Parlamento insta a impulsar "accións e prácticas inclusivas coordinadas entre todos os axentes sociais que traballan no campo da inclusión social, así como a incorporar procesos e instrumentos de participación que promovan unha forte implicación cidadá".
Finalmente, o Parlamento destaca que o reto é "asegurar a redución das desigualdades sociais e a prevención da aparición de situacións de exclusión". Por iso, "o noso obxectivo segue sendo o de alcanzar unha sociedade galega máis inclusiva e cohesionada, traballando desde todos os ámbitos cunha óptica de prevención, innovación e participación", conclúe.
Pola súa parte, o presidente da Asociación do Pobo Xitano de Galicia, Sinaí Giménez, considerou que esta declaración "chega tarde, pero polo menos chega". Confía en que "non quede só" nunha mera declaración" e a partir deste momento as institucións fagan un "seguimento", non só no que respecta á situación dos realoxamentos en Pontevedra, Ponte Caldelas, A Coruña e Lugo, senón tamén "ante os casos denunciados de discriminación laboral noutros concellos".
Valoración "positiva" dos afectados
Os colectivos sociais que en maio reclamaban a aprobación dunha declaración institucional contra o racismo, e a favor da integración do colectivo xitano, cualificaron de "moi positivo" o texto aprobado no hemiciclo, ó que valoraron como unha mostra de que se postula "a prol do dereito á inclusión social do pobo xitano en igualdade de condicións". Así se expresaron asociacións como a Fundación Secretariado Xitano de Galicia, a Asociación do Pobo Xitano de Galicia, o Seminario Galego de Educación para a Paz, a Plataforma polo Emprego, Fundación Cultura de Paz, Cáritas interparroquial de Santiago, a Coordenadora de Crentes Galegos e Galegas, a Asociación Casa Latinoamericana en Galicia, ou a Asociación de Empregadas de Fogar Xiara, entre outras entidades.
REACCIÓNS
Aplícase a lei "con interese"
Sinaí Giménez critica "que a lei se aplica con interese", en alusión ós actos de protesta organizados por diversos colectivos veciñais contra o realoxos de familias xitanas. "Se os fixesen persoas xitanas ou inmigrantes, case estariamos no cárcere", afirmou.
No hay comentarios:
Publicar un comentario